venres, 5 de setembro de 2014



NOTA DE PRENSA

Mobilizacións da Comunidade Educativa da ESAD contra os recortes de persoal docente
A comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia protesta contra as accións da Consellería de Educación para a redución en case o 10% da súa plantilla de profesorado. A respecto do curso pasado, e tendo en conta a adxudicación provisoria de destinos, a ESAD vía xa reducida a súa plantilla en dous profesores, aos que se pretende agora reducir dous máis, deixando a Escola cun número de docentes claramente insuficiente para cumprir coas súas necesidades académicas e artísticas. Este recorte, ademáis, suporá o incumprimento de varias das esixencias aplicadas polo Espazo Europeo de Educación Superior no que se inclúe a ESAD, único centro en Galicia que ofrece un título superior en Arte Dramática.
Profesorado, alumnado e representantes do mundo da cultura e do teatro están a levar adiante estes días unha campaña para sensibilizar a Administración pública sobre a gravidade da situación. Partindo dun correo electrónico masivo dirixido ás autoridades educativas que, en ton de manifesto, declara que “non existe unha sociedade libre sen un teatro de calidade” para o que “o saber da palabra e a escena deben ser transmitidos”, a comunidade educativa da ESAD insiste na necesidade de manter o seu proxecto artístico e docente, para rematar sinalando:
“Necesitamos medios humanos suficientes. Non á reducción do equipo docente”.
Ademáis da manifestación ante o edificio administrativo de Pontevedra do martes, 9 de setembro, o profesorado da ESAD insiste en que manterán as accións reivindicativas e mobilizacións ata que se restitúa á Escola o profesorado despedido, garantindo así unha educación de calidade para o seu alumnado e unhas condicións de traballo dignas para os docentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario